Wednesday 15 de May de 2024

Mato traslada aos alcaldes da Laracha, Fene, e As Somozas que a retirada de pneumáticos comezará nuns catro meses


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladou hoxe aos alcaldes da Laracha, Fene e As Somozas –concellos nos que se localizan os depósitos históricos de pneumáticos da comunidade galega- que a retirada destes residuos podería comezar en catro meses. Así llo comunicou no transcurso dunha reunión convocada pola Xunta para dar conta aos rexedores locais do estado da tramitación desta iniciativa.

Recordou, así, que a Xunta aprobou esta licitación por valor duns 2,7 millóns de euros o pasado 4 de maio, isto é, antes de que se producira o incendio de Seseña. A licitación publicouse na plataforma de contratación o 13 de maio e, actualmente, está no prazo de presentación de ofertas, que rematará o próximo 22 de xuño.

O servizo só poderá executarse por un contratista autorizado como xestor de residuos, que deberá realizar a valorización dos pneumáticos nunha instalación ou instalacións que, tamén deberá contar con autorización para o tratamento de residuos non perigosos, de conformidade coa Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, e estar dotadas das medidas de seguridade e protección contra incendios esixidas pola lexislación vixente.

Ao remate da xuntanza, Mato explicou que actualmente os tres depósitos contan con vixilancia e cumpren os requisitos básicos pero, a pesar diso e co fin de establecer as máximas garantías, ofreceu a colaboración da policía autonómica para realizar tarefas complementarias de vixilancia, en coordinación cos equipos municipais.

En canto ao caso concreto de Fene, concretou que será o primeiro depósito no que se procederá a retirada dos pneumáticos, debido ás circunstancias especiais desta instalación. En calquera caso, adiantou que a Xunta solicitará todos os permisos necesarios para entrar neste terreo, de titularidade privada, e retirar a maleza, co obxectivo de minimizar os riscos mentres non se retiran os residuos.

Valorización dos pneumáticos
Segundo as estimacións da Xunta, hai máis de 36.000 toneladas de pneumáticos fóra de uso en Galicia, situadas nos depósitos destes tres concellos. A previsión é que estes residuos históricos sexan tratados ben para transformalos en materias primas para a fabricación de novos produtos (valorización material) ben para transformalos en enerxía (valorización enerxética). Deste xeito, seguiranse as recomendacións incluídas na Directiva Marco de Residuos que recolle o tratamento a través da valorización. Neste sentido, hai que destacar que máis do 80% dos pneumáticos tratados os últimos anos en Galicia tiveron como resultado a valorización material.

Os pneumáticos son residuos cun alto compoñente de material reutilizable, con novos usos como recheos de céspede artificial, solos de parques infantís, preparados para estradas, pantallas acústicas de redución de ruídos ou mesmo redutores de ondas.